Wednesday 15 de May de 2024

Trenor informa aos representantes da factoría Stolt Sea Farm de Camariñas a renovación da súa concesión ata o 2031 prorrogable ata o 2071


Esta empresa conta con 32 traballadores todos naturais e residentes de Camariñas e Carnota e produce unha media de 1.200 toneladas ao ano de rodaballo e linguado

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a factoría de Stolt Sea Farm en Camariñas para trasladarlles a aprobación da súa prórroga de dez anos para seguir realizando a súa actividade, ata o 18 de febreiro de 2031, un prazo que pode ser prorrogable por prazos de igual ou inferior duración sen superar o 18 de febreiro de 2071.

Trenor valorou a prórroga a esta empresa, líder mundial na industria da acuicultura de peixes planos, como unha moi boa noticia para toda a comarca pola riqueza que xeran as súas instalacións. A granxa ocupa unha superficie de 705 m2 en dominio público marítimo-terrestre así como 87.000 m2 de dominio privado. Produce unha media de cerca de 1.200 toneladas ó ano de rodaballo, linguado e linguado con pintas. É unha das granxas con máis produción do grupo grazas a que capta o auga en mar aberto e en profundidade. Isto a fai axeitada para o cultivo rodaballo de maior tamaño e peso medio, pois permite que os peixes soporten mellor as temperaturas do verán, que coincide co seu momento de madurez sexual. Emprega a unha media de 32 traballadores en Cabo Vilano, todos naturais e residentes en Camariñas e Carnota. Máis do 90% dos contratos son indefinidos.

A súa posición no mercado é unha proba máis de que Galicia é un dos mellores lugares do mundo para a acuicultura, como demostra o feito de que o sector facturase o ano pasado 256 millóns de euros, un 10 % máis que no 2021. En concreto, os peixes de cultivo concentraron máis do 35 % do valor total malia representar menos do 5 % da produción. Nesas cifras van incluídas as do rodaballo -o 100 % da produción española é galega- e o linguado, especies que se crían en Camariñas.

Trenor garantiu o apoio da Xunta ao sector para a posta en marcha de proxectos que confíen en Galicia e no seu potencial, porque iso supón máis economía, máis competitividade e máis emprego. Neste senso, lembrou que esta empresa leva recibindo apoios do Goberno galego para mellorar o equipamento e incrementar a competitividade desta instalación por máis de 380.000 euros desde o ano 2017.

O delegado da Xunta abordou tamén a incertidume creada co recurso do Goberno central a unha Lei do litoral autonómica que ten por obxectivo defender a actividade social e económica da costa respectando a legalidade e o coidado do medio ambiente

Ao respecto, Trenor incidiu en que este recurso ante o Tribunal Constitucional volve a crear inseguridade xurídica ás empresas que queren apostar por Galicia. “Son empresas que agora non saben como afrontar o seu futuro”, dixo. O delegado indicou que as administracións están obrigadas a apoiar aos sectores produtivos no marco das súas competencias, aportando estabilidade e achegas para potenciar a súa competitividade, e non para crear dificultades como está a facer o Goberno central.